Covas: un aula na natureza para futuros técnicos forestais
Hoxe en Covas contamos cunha visita moi especial. Os alumnos de primeiro do Ciclo Superior de Xestión Forestal e do Medio Natural do IES Arzúa fixeron un bo traxecto para vir a coñecer algún dos segredos que gardamos na nosa finca. Como todos sabemos, unha imaxe vale máis que mil palabras, e en Covas somos un claro exemplo do que significa xestión do medio natural e sustentabilidade.
Xesús Boán, un dos propietarios da casa de Covas e responsable do departamento de cinexética, foi o encargado de guiarnos neste día e de ofrecernos, rescatando esa madeira de mestre que posúe, o seu coñecemento e experiencia.
Tras unha presentación xeral das características da finca e dalgunhas das actividades que aquí realizamos, fixemos unha primeira parada nos animalarios, onde os rapaces e rapazas tiveron oportunidade de coñecer persoalmente aos nosos porcos híbridos. Ata tivemos tres valentes que entraron na corte a acariciar o seu áspero pelaxe. A continuación, presentámoslles aos nosos cans de caza, que saltaban e ladraban con delicia ao velos, reclamando tamén un agarimo.
Continuamos o percorrido entre castiñeiros, o cal resultou unha das partes claves da visita, xa que como alumnos do Ciclo Superior de Xestión Forestal, o recoñecemento das enfermidades das árbores é unha das súas materias máis importantes. En Covas, como en moitos soutos de Galicia, sufrimos dunha doenza nalgúns dos nosos castiñeiros chamada chancro, afección causada fúnxica que supón un serio problema para a produción da castaña. Aquí temos algunhas das árbores en tratamento, que serviron de fantástico exemplo para os alumnos.
Seguimos o noso camiño ata chegar á coelleira, onte sometemos aos nosos coellos de monte a un proceso de preadaptación ao medio natural. Xa que aínda non comezou a tempada de caza, actualmente esta zona permanece baleira, polo puidemos ensinarlle aos alumnos todo o espazo sen perigo de que os coelliños escaparan. Alí comprobaron como funciona este sistema de cría de coello en semiliberade, no cal os coellos desenrolan o seu espíritu natural de supervivencia antes de saír ao monte.
De forma semellante temos as nosas aves, perdices e paspallás, que neste caso si se deixaron ver polo voadeiro, sacando peito de forma desafiante. Finalmente, logramos observar aos nosos cabalos de monte de pura raza galega, que nesta ocasión estiveron máis tímidos, e só se deixaron ver ao lonxe mentres enchían o estómago.
Foi unha mágoa non poder compartir o día enteiro xunto a vós, pero por desgraza o tempo apremiaba e tivemos que finalizar neste punto a visita. Quédanos pendente un percorrido pola casa, polos seus séculos de historia e o patrimonio etnográfico que alí temos, onde aínda se conservan elementos da vida dos nosos antepasados.
Esperamos que, aínda que a excursión fora curta e un pouco pasada por auga, vos permitira levar con vós algunhas ensinanzas que poidades aproveitar nos vosos estudos, ademais de levar no voso corazón un bo recordo de Covas e da esencia da súa terra.
Tamén queremos aproveitar a ocasión para facerlles saber a todos aqueles alumnos desta área ou noutros estudos relacionados que a nosa finca está a vosa disposición para a realización de prácticas formativas que vos permitan completar os vosos estudos. De feito, un dos alumnos que hoxe nos acompañou, realiza aquí as súas prácticas, e agardamos que sexan máis os que se decidan a formar parte da nosa familia nos tempos vindeiros.
Moitísimas grazas aos alumnos e os responsables do centro, xunto aos que puidemos compartir inquietudes e que tamén nos ofreceron as súas ensinanzas.
Agardamos que vos forades coa mesma ou maior ilusión coa que chegastes, e que vos quedaran ganas de facernos pronto unha nova visita. Xa sabedes que as portas da nosa casa están sempre abertas.