O mel é un dos produtos estrela da nosa casa. Contamos cunha explotación apícola completa, na que levamos a cabo, de forma tradicional e segundo a lexislación vixente, a produción, envasado e comercialización do noso propio mel. Contamos coa denominación “Mel de Galicia” outorgado polo Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP), que garante non só a calidade e autenticidade do noso produto, senón tamén o correcto cumprimento dos requisitos de produción, procesado, envasado, almacenaxe e comercialización. Tamén temos posta en marcha unha liña de produción ecolóxica, avalada polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), e que agardamos ter lista e a disposición dos nosos consumidores coa vindeira recollida.
O clima do lugar e a riqueza nos nosos solos permiten o crecemento dunha vexetación singular, constituída principalmente por castiñeiros, carballos, piñeiros, ericáceas e unha morea de flores melíferas, que lle aportan ás abellas a materia prima perfecta para que fabriquen este exquisito mel. Ademais, a extracción do mel de forma totalmente artesanal así como a non utilización de produtos praguicidas e herbicidas no terreo circundante contribúen á elaboración dun mel de excelente calidade.
As especialidades coas que traballamos son o mel multifloral, mel monofloral de silva e mel monofloral de castiñeiro, en diversos formatos adaptados ás necesidades dos consumidores. Non obstante, un dos nosos intereses é ampliar a nosa oferta con produtos novos e innovadores que utilicen como base o noso delicioso mel. Mel con noces e castañas, ou marmelada de kiwi con mel, son só algunhas das ideas que nos roldan á cabeza, e que agardamos poder incorporar pronto á nosa oferta para que podas gozar dun produto delicioso, moderno e de calidade.
Coñece máis detalles das nosas variedades e descubre cal é o mello mal para ti.
Unha das calidades que aporta identidade á Comunidade Autónoma de Galicia é a súa gastronomía e a exquisitez dos seus produtos propios. A riqueza de Covas non se limita soamente a biodiversidade que caracteriza aos seus bosques, senón a autenticidade dos produtos que podemos extraer das súas entrañas.
Cerca dun 30% das nosas terras están poboadas de centenarios castiñeiros, que coa chegada do outono bríndannos un dos alimentos máis populares da cultura galega: as castañas. As castañas formaban parte da alimentación básica dos nosos antepasados, substituíndo á pataca antes de que Colón a trouxera de América. Se ben posteriormente pasou a ocupar un lugar máis secundario, o certo é que este froito segue gozando dun papel relevante da nosa cultura, sendo un símbolo inequívoco da nosa historia. Nos últimos anos estase observando unha reactivación da venda e o consumo da castaña, que está renacendo baixo a forma dunha gran variedade de produtos delicatessen.
Covas forma parte do CRAEGA e, como territorio galego, está dentro da denominación da IXP Castaña de Galicia, o que garante a calidade e autenticidade das nosas castañas.
A produción e comercialización de cogomelos foi adquirindo gran popularidade nos últimos anos en Galicia, e en Covas démonos conta de que as nosas terras constituían o lugar idónea para o seu cultivo.
Deste xeito comezamos en 2015 o proxecto de micorrización de piñeiros con esporas de níscalos (Lactarius deliciosus), e o mesmo coas de boletus (Boletus edulis) nos espazos cubertos por castiñeiros e carballos. Se as condicións son favorables, pronto contaremos coa nosa primeira produción, que sen dúbida fará as delicias de aqueles que busquen uns cogomelos naturais e de calidade.