O río de Covas







Sentarse á beira do río, cos ollos pechados, e escoitar a voz das augas escorrer entre as rochas. É un dos mellores recordos que poderás levarte de Covas.


O río Toldao, tamén coñecido por algúns como Peago ou Río de Covas, atravesa a Parroquia de Castelo polo norte, marcando o seu linde nalgún puntos, e vai desembocar no encoro de Belesar. O conxunto da finca tamén vese atravesado, de oeste a leste, nunha lonxitude de 2000 metros, polas augas do Toldao. Crese que o curso do río foi, nos tempos pasados, desviado á altura de onde hoxe está asentada a casa, co fin de aproveitar os minerais preciosos que arrastraba o lodo da antiga conca.









Na casa de Covas, as augas do río serven para regar os prados e os pastizais, e no seu momento tamén foron empregadas para o funcionamento do mazo de ferro, do muíño e ata para a produción de enerxía eléctrica nunha minicentral destinada ao seu abastecemento.


A casa atópase tamén rodeada polo curso destas augas, completando a beleza e pureza da su estampa. Unha centenaria ponte medieval levántase por riba dela, permitíndonos o paso ata as inmediacións. Se seguimos o curso das augas polo bosque, atoparemos que as marxes do río sitúanse en dúas ringleiras de vexetación típica de ribeira, que dan paso primeiro aos pastizais e logo aos bosques, onde conviven entre outros, castiñeiros, carballos e piñeiros.