A historia do mel en Galicia (II): O cura das abellas

No Tags | bitácora · Galicia · Mel · Sin categorizar

Bos días amantes do mel!

 

Seguindo cos fragmentos históricos relativos á historia da apicultura en Galicia, hoxe queremos mostrarvos un prezado material que conservamos e que tamén podería ser considerada unha peza de museo. Trátase dun artigo extraído dunha antiga revista no que a asinante, Loly López, preséntanos a biografía do cura das abellas.

 

Debido ao carácter referencial, e atreveriámonos a dicir que sentimental, que esta figura supón para os membros de Covas 21, queremos compartir convosco este fragmento. A continuación mostramos o texto transcrito ao galego normalizado, e posteriormente incluímos a imaxe do texto orixinal.

 

Biografía de Benigno Ledo

“ Benigno Ledo González naceu na casa da chanca e foi bautizado na parroquia de Santa Eulalia de Ada, o día 20 de xullo de 1897.

 

Entre 1888 e 1891 estudou no seminario de Ourense, séndolle concedido o Sagrado Orden do Presbiterado en 1892. Neste mesmo ano foi nomeado cura Ecónomo da parroquia de San Vicente de Argozón, cargo que desempeñou ata que en 1893 tomou posesión desta parroquia como cura párroco da mesma e que xa non abandonaría ata a súa morte.

 

En 1915 foi nomeado Tenente Arcipreste de Navego e en 1918, en recompensa polos servizos benéficos prestados aos feligreses da súa parroquia con motivo da epidemia de gripe a petición do Concello de Chantada, foille concedida polo Rei Afonso XIII a Cruz de Beneficencia de Primeira Clase.

 

No ano 1884 introduciu a Apicultura moderna en Galicia, polo que a súa dedicación a esta materia foi tan relevante como madrugadora. Xa o seu avó se dedicara á apicultura, herdando el a afección polo tema. En 1925 houbo unha exposición en Madrid a que foi subvencionado pola provincia de Pontevedra para que presentara os seus traballos de Apicultura, cos que conseguiu o primeiro premio. Non é de estrañar pois que no ano 1927 fora nomeado profesor de Apicultura, materia que ensinou no Seminario Conciliar, na Escola Normal de Mestras e no Instituto Xeral e Técnico de Lugo, ocupación que mantivo ata a súa morte.

 

É autor de dous libros sobre Apicultura: Curso práctico de Apicultura e Cursillo Práctico de Apicultura, ambos publicados pola Deputación de Lugo.

 

Morreu o 13 de decembro do ano 1959. Postumamente foille outorgada a Abella de Ouro no ano 1957 polo Ministro de Agricultura, sendo recollida en Madrid xunto co diploma polo seu sobriño Xaime. ”

 

Loly López

 


Leave a comment