A nosa historia







Quen somos



A nosa orixe remóntase ao ano 1984, cando catro persoas, pertencentes a dúas xeracións diferentes, mercamos o lugar acasarado de Covas, un anaco de natureza e cultura situado na Alta Ribeira Sacra, no concello de Taboada e na provincia de Lugo. Con moita ilusión e grandes proxectos en mente, a familia propietaria iniciamos o seu proxecto empresarial no ano 2011, completando a sociedade de Covas 21 coa incorporación doutras dúas persoas que se sentiron atraídas polo proxecto.


A conservación do patrimonio etnográfico e o aproveitamento sostible dos recursos naturais son os obxectivos prioritarios da sociedade de Covas 21, mediante a intervención dende un triple punto de vista: medioambiental, cultural e comercial. Deste xeito, leváronse a cabo as intervencións necesarias para, en primeiro lugar, valorizar os seus recursos naturais, as cales foron acollidas na iniciativa Leader, proxecto comunitario de desenrolo rural da Unión Europea, que revaloriza así os recursos do sector primario. Por outro lado, a sociedade tamén interesouse pola revalorización de actividades tipicamente terciarias, como son o turismo rural e a recuperación etnográfica, actividades acometidas por eles mesmos e nas que seguen traballando intensamente.


Ata finais do 2015, o traballo da empresa céntrase na construción das infraestruturas destinadas aos bens e servizos, con fin de comercializar os produtos saídos da súa terra o ofrecer ao público unha ampla oferta de actividades relacionadas co ocio.


Hoxe en día, a finca de Covas atópase adecuadamente pechada e conta cos requirimentos necesarios para levar a cabo a cría de animais e a práctica sustentable da caza menor. A súa minicentral está en funcionamento, autobastecendo á finca de enerxía, e contamos cun espazo rehabilitado no interior do complexo casa-vivenda, no que funcionan catro apartamentos para aloxamento rural, varios salóns de descanso e locais completamente rehabilitados para o almacenamento, procesado e envasado dos nosos produtos. Finalmente, e aínda como proxecto piloto, realizouse a micorrización de árbores e cultivo de esporas para a produción de cogomelos, agardando a finais de ano os primeiros resultados.


En definitiva, Covas 21 pode definirse como unha iniciativa de turismo rural cargada de ilusións e que agarda converterse nun lugar no que o seu público poida descubrir a auténtica esencia da natureza, os segredos da vida rural e algúns dos praceres da gastronomía galega.









A orixe de Covas 21



Pero, que había nestas terras antes de que nacera Covas 21? Cal é a historia da nosa casa? Para dar resposta a estas preguntas debemos remontarnos uns cantos séculos atrás, e confiar nas historias nos máis vellos do lugar para dar vida á historia da finca de Covas.


Cóntase que este era un lugar de retiro para os frades maiores, que eran enviados por un convento de Ourense, propietario das terras. Aquí os relixiosos non só invertían o tempo nos seus rezos, senón que tamén cobraban os diezmos doutras fincas. Así mesmo, ofrecían á comarca todos os servizos presentes na finca, que co paso do tempo acabou constituíndo unha parroquia completa. O muíño, a forxa do ferreiro, o aserradeiro, o forno ou a capela son só algúns destes servizos, os cales semellan haberse construído en épocas diferentes, como se fora medrando pouco a pouco, dacordo coas necesidades dos habitantes.


O porqué no nome da empresa ten fácil explicación. En Covas 21 queremos que esta sexa unha idea enraizada nesta terra, na Parroquia de Castelo, no concello de Taboada, e por iso o nome de Covas debe permanecer no seu título.


O número 21 vén de diferentes orixes. Dunha banda, relaciónase coa feira de Chantada, concello cebeceira comarcal da que vimos os actuais propietarios e pola que nos sentimos fortemente unidos, xa que o día 21 de cada mes celébrase un dos seus días de feira. Por outro lado, o número 21 ten un significado á escala mundial, concentrando unha idea de desenvolvemento sostible e integrador, unha idea que relaciónase claramente co noso proxecto. Esta numeración provén da “Axenda 21”, un programa para desenvolver a sustentabilidade global, aprobado por 179 gobernos na conferencia das Nacións Unidas sobre o Medio Ambiente e o Desenvolvemento celebrada en Río de Xaneiro no ano 1992, na que tratan temas de tal relevancia coma a loita contra a deforestación e o aproveitamento sostible dos recursos naturais. Un proxecto que debe “integrar todas as actividades relacionadas cos bosques, os pastizais, a fauna e a flora silvestres, co fin de manter ecosistemas de montaña específicos”. Un dos seus capítulos anima ás comunidades locais a crear a súa propia versión, a Axenda local 21, atopando en Galicia numerosos concellos que están a seguir esta iniciativa. Dende a nosa perspectiva, consideramos que estes criterios sen dúbida marcan camiños para un desenvolvemento racional e sustentable do medio rural, tal e como pretendemos en Covas 21, e de aí que este número forme parte do noso nome.