A mina de Covas

· · · · | bitácora · Galicia · Ocio e turismo · Sin categorizar

Sempre hai algo novo por descubrir, e iso foi o que sentimos os da casa cando aconteceu o que vos imos contar. Son moitos os tesouros que agocha a terra de Covas, e este foi un dos que nos colleu máis por sorpresa.


A orixe da historia

Todo comezou cando, ao pouco de haber adquirido a propiedade, e sen ter a menor idea ao respecto, identificamos dúas canalizacións que percorrían a finca no seu diámetro, en disposición paralela. Inquedos ante tal descubrimento, deducimos que se podía tratar dun sistema de redireccionamento do caudal do río para a construción dos poboados e o servizo dos habitantes. Sen embargo, esta teoría non se sustentaba moito tendo en conta a situación destas canalizacións. Eran enormes penedas, entre as que se fundía a terra profundamente, e que sen dúbida foran no seu momento unha grandiosa obra de enxeñería manual. Como o noso coñecemento non era suficiente para chegar a ningunha clara conclusión, fomos na procura dunha mente máis sabia.


Así comezamos a indagar no pasado, atopando datos que non facían máis que alimentar as nosas ansias de saber. Como nos explicaron os entendidos, existe unha forte influenza da linguaxe simbólica na tradición galega, e por iso os estudos xenealóxicos das familias que habitaron na comarca, das que se ten coñecemento polos rexistros censais da época, permiten establecer certas ligazóns que conducen a tradición mineira en Covas.


As pegadas dos pasado


Por exemplo, fálase da familia dos Medelas, que se achega o termo de médulas, que pola súa raíz latina pode adoptar, segundo opinión dalgúns expertos, o significado amplo de “amontoamento”. De aí que as prestixiosas e mundialmente coñecidas Médulas de León, consideradas a maior mina de ouro a ceo aberto de todo o Imperio Romano, reciban ese título. Outros opinaban, sen embargo, que o nome desta familia relacionábase claramente co termo “metais”. Por outra banda, tamén hai rexistro da familia Vilar, un termo que pode ligarse a palabra velar ou vixilar, e que tamén podería ter a súa importancia na labor mineira.


Fóra de meras especulacións, podemos garantirvos que en Covas contamos no seu momento coa presenza de grandes entendidos da materia que poden corroborar estes argumentos. Nada menos que o historiador e antropólogo don Felipe Senén, presidente da Asociación de Amigos dos Museos de Galicia, achegouse a Covas a ofrecernos as súas conxecturas sobre a simboloxía familiar e a facer un recoñecemento do lugar, analizando con detalle o noso descubrimento. As súas ideas, baseadas tanto nesta simboloxía coma nas probas físicas, levárono á conclusión de que aquela terra sustentara una explotación mineira séculos atrás, posiblemente durante o Imperio Romano.


Unha mina na terra de Covas


Que a actividade mineira forma parte da vida cotiá de Galiza dende os tempos máis antigos non é unha sorpresa, pero cando tes a historia baixo os teus pés a sensación é diferente. Pensar que naquela terra os antigos romanos podían haber levantado aquelas construcións e chegado ata esas profundidades a pala e pico, na época na que aínda non se había inventado a dinamita, resulta abraiante. E cales serían os minerais que obtiñan? Existen probas de que no sur lucense existe un extraordinario patrimonio mineiro, no que se concentra unha gran parte dos antigos xacementos auríferos da Península. Sería, pois, ouro o que os romanos extraían das profundidades de Covas?


Como desencadeante destas conclusións, foron moitos os estudados que nos visitaron posteriormente, nun intento de coñecer aquel solo con séculos de historia arqueolóxica e que permanecera tanto tempo agochado baixo castiñeiros e carballos. As mostras tomadas polos enxeñeiros de minas e xeólogos que acudiron a Covas non fixeron máis que apoiar as hipóteses formuladas. Sen embargo, para extraer conclusións máis acertadas era preciso chegar a maiores profundidades do terreo, e realizar unha análise da composición do mesmo nos territorios circundantes. E iso, como era de esperar, esixía unha inversión económica que nós non podiamos asumir, e que as autoridades gobernamentais non estaban dispostas a pagar, a pesar das insistencias e de repercusión que o proxecto podía ter na arqueoloxía galega.


Así pois, este foi o final do noso descubrimento, que a falta dos estudios xeolóxicos e arqueolóxicos necesarios, deixou moitos puntos escuros por dilucidar. Desgraciadamente, a ciencia e investigación seguen a ser temas pouco prioritarios nesta rexión.


Orgullosos das nosas raíces

En calquera caso, a realidade é que o lugar que habitamos, foi, no seu tempo, unha explotación mineira, e os seus restos aínda permanecen visibles. Queda en mans da nosa imaxinación recrear as escenas dos traballadores que, séculos atrás, mergullábanse nas entrañas da terra para extraer os prezados minerais. Escenas que non fan máis que embelecer a idílica imaxe de Covas e proclaman a revalorización do seu patrimonio etnográfico e arqueolóxico.


Se algún dos nosos lectores sente interese por este campo e ten curiosidade de vir investigar, resta dicir que as portas de Covas 21 están abertas e que estaremos encantados de recibirvos. Nada mellor que facer perdurar a historia e dar recoñecemento ás terras que tanto ben levan feito as persoas que as habitaron.



Leave a comment