Pardal

Passer domesticus Linnaeus
Cast.: gorrión común; Cat.: pardal comú; Eusk.: etxe-txolarrea; Ing.: house sparrow



Este paxariño é considerado como a ave máis expandida en todo o planeta, e como tal non podía faltar en Covas. Mide uns 15 cm, e nos machos atopamos unha coloración marrón, a distintas tonalidades, nas ás, nas costas e no rabo, mentres que o ventre é branco, o papo negro e a cara branca e marrón. A femia presenta unha coloración máis uniforme, con todo o corpo marrón con riscas sutís agás no ventre, que é crema.


Acostuman a facer os seus niños en casetos, casas en ruínas ou ata en niños de aves máis grandes. É unha ave bulliciosa, particularmente cando se atopa nerviosa ou se reúne en grandes grupos. Emite un amplo repertorio de reclamos sinxelos, un pouco máis elaborada na época de cortexo. Na súa dieta inclúe tanto material vexetal coma bechos, e de feito os poliños son principalmente cebados con larvas e outros insectos para que reciban un elevado aporte de proteínas nesta etapa no seu desenrolo.




Descubre máis de Covas…

Cabalo de Pura Raza GalegaCoello de montePorco bravoPerdiz RubiaLavandeiraVoltar á Natureza