Un día con Lois
Hoxe queremos presentarvos a un membro moi especial da familia de Covas 21. Trátase de Lois, o can máis veterano do grupo.
Este soberbio Spaniel Bretón leva sobre as súas costas un impecable currículo como cazador de pluma, e hoxe goza xa dos seus días de xubilación. Nestes días témolo vivindo connosco na casa de Covas, xa que está un pouco pachucho e preferimos separalo do grupo por un tempo. Aínda que os seus once anos xa comezan a notárselle nos andares, está claro que segue mantendo o seu espírito cazador, presumindo dese porte esvelto e camiñando sempre na procura dun novo rastro.
Pero a banda da súa profesionalidade, é un animal cheo de tenrura, que aproveita a menor ocasión para roubarche un agarimo e refregarse contra as túas pernas. Non hai máis que ver os olliños que pon para darse conta da fidelidade e cariño que garda no seu interior.
Aproveitando que temos aquí a un experto no seu, imos falar un pouco desta raza de cans de tradicional traxectoria cazadora.
Esta raza, orixinaria da Francia do século XVIII, caracterízase principalmente polo seu porte esvelto, algo tosco para algúns, cunha alzada de 46 a 52 cm e un peso non superior aos 15 kg. A súa esperanza de vida é duns 14 anos. Habitualmente visten un manto branco engalanado con manchas alaranxadas ou marrón claras, particularmente nas orellas, no pescozo e nas costas, aínda que tampouco é raro atopalo con coloracións máis escuras e ata mouras.
Os relatos máis antigos contan que esta raza estivo preto de extinguirse a comezos do século XX, cando un criador local, chamado Arthur Enaud, rexuveneceu á raza, xa que demostraba ser, ademais dun perfecto exemplo de animal de caza e mostra, un compañeiro leal e afectuoso. Considérase a raza nativa máis popular de Francia, e de feito é frecuente atopalo en pinturas da época que o pintan como un ideal compañeiro dos cazadores europeos e outras partes do mundo.
Destaca, en definitiva, polo seu carácter fiel, de confianza e obediente, o que o converte nun excelente can doméstico ademais de moi bo como animal de traballo no campo. De aí que adquirise gran popularidade como mascota, sempre que se lles motive con moita actividade física e menta, así como frecuentes oportunidades de socialización, xa que de non ser así poderían comportarse de forma destrutiva o desenrolar hábitos nocivos, impropios da súa natureza.
Pode ser adestrado en caza menor tanto como can de pelo ou como de pluma, aínda que destaca con gran particularidade nesta última. Traballa con enerxía insólita tendo en conta o seu reducido tamaño, batindo ao cazador con rapidez, a cabeza en alto, constante tensión nerviosa e potencia muscular. Sabe buscar con intelixencia, o demostra un excelente olfacto. Na práctica, exerce o rol de cobrador, recuperando as presas dos cazadores sen producirlle ningún dano, o que explica que se utilice principalmente como can de pluma.
Máis cousas dos nosos amigos
Moitos son os anos que o noso Lois colaborou nas labores de cacería, chegando a convertirse nun auténtico referente no grupo. Hoxe en día segue a ser tan capaz coma o que máis, e así o demostra cando detecta o menor rastro ou cando bota a correr, desbordando enerxía en cada zancada. Non obstante, como todo velliño tamén precisa das súas sestas deitado á sombriña, durante as que se somerxe en doces soños caninos dos que é difícil espabilalo.
Outra integrante do grupo, máis noviña que Lois, chámase Cris, e comparte co seu compañeiro o porte e destreza propios da súa raza. Esta cadeliña aínda está aprendendo do oficio, pero xa nos leva demostradas as súas boas dotes e pronto a veremos convertida nunha auténtica cazadora de pluma. Aquí a tedes noutra xornada na que a levamos de adestramento, durante o que fixo un excelente recoñecemento do terreo.
Agardamos que vos caesen ben os nosos fieis compañeiros de batalla. Para nós é, sinxelamente, un auténtico orgullo que formen parte da nosa gran familia. Podedes vir a coñecelos persoalmente cando queirades, xa que pola súa parte estarán encantados de recibirvos cunha lametada!