O entorno de Covas é un auténtico privilexio da natureza no que poder gozar da paisaxe, da fauna e da flora, que posibilita o desfrute de moitas maneiras: a fraga e toda a contorna é ideal para levar a cabo rutas de sendeirismo a través dos múltiples camiños e sendeiros, tanto dentro da finca como na súa contorna, nos que poderemos apreciar a riqueza biolóxica, a beleza da pisaxe e os innumerables signos do patrimonio cultural: hórreos, muíños, airas, fontes, pazos…Se somos un pouco máis ambiciosos faremos a ruta dos pazos, practicaremos a pesca, surcaremos pola canle do Miño cunha canoa ou piragua e descubriremos parte dos segredos que agocha o río Miño e os seus múltiples afluentes.
Así mesmo, unha posibilidade que estamos a estudar, para persoas máis expertas, é a realización de rutas guiadas a cabalo cos nosos exemplares de pura raza galega, que farán as delicias dos amantes destes soberbios animais.
Esta recua de cabalos con forte personalidade habita en réxime de semiliberdade na finca de Covas, aportan ese carácter de natureza e autenticidade galega que caracteriza estas terras.
E para todo aquel interesado pola historia e a vida rural, na finca contamos cun patrimonio etnográfico único, protexido polo inventario do patrimonio cultural de Galicia que son escenario real da vida dos nosos antepasados. O muíño, a capela e o pallar, entre outros, están abertos a todos os nosos usuarios, coa posibilidade de realizar visitas organizadas para veciños, grupos de turistas ou centros educativos.
Para máis información e reservas, contacta con nós